www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Xullo de 2019

Carreira nocturna e solidaria para correr en familia
Deporte • 9/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O Club de Atletismo de Redondela (CAR) celebra este sábado a XII edición da carreira popular Concello de Redondela que nesta ocasión presenta a novidade de ser nocturna. Un cambio que está a incrementar a participación que os organizadores confían en que supere os 500 inscritos. Para animar a cita deportiva haberá inchables e música na rúa. O prezo de inscrición na proba de adulto é de 5 euros, doándose un euro á asociación Lenda, sendo de balde a participación dos cativos.


Dende o Concello animan aos veciños a participar nesta proba deportiva que se celebra o sábado 13 con diferentes percorridos dependendo das idades. Así, os máis cativos de 4 e 5 anos terán que percorrer 50 metros, mentres que os participantes na categoría absoluta, a partir dos 16 anos, deberán superar un circuíto de 5 kilómetros que chegará ata a Portela con saída e chegada diante do concello.


A inscrición estará aberta ata a medianoite de mañá mércores e pode formalizarse no local Susuela de Redondela ou na páxina web www.championchipnorte.com.  Os organizadores confían en superar os 500 inscritos e salientan o elevado número de atletas femininas xa inscritas que supoñen un 40% dos anotados ata o de agora.


A alcaldesa Digna Rivas poñía en valor tanto o marcado carácter familiar desta proba como o seu carácter solidario, coa doazón dun euro de cada inscrición á Asociación Lenda.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: