www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 26 de Agosto de 2019

Javier Bas deixa a política e o PP local queda en mans dunha xestora presidida por Ana Alonso
Política • 16/07/2019
Autor: M. X. Queimaliños

O que fora alcalde durante os últimos oito anos, Javier Bas, presentou onte a súa renuncia a presidir o Partido Popular local e renuncia tamén á acta de concelleiro "por motivos laborais". A nova xestora, presidida pola exconcelleira Ana Alonso será a encargada de reforzar a estrutura de partido. Nesta xestora estarán tamén presentes Carmen Amoedo (vicepresidenta), Susana Cabaleiro (secretaria xeral), Alberto Pazos (portavoz), Mari Carmen Bastos (secretaria de Organización), Arturo González (tesoureiro) e María José Barciela (Coordinación Parroquial).


A decisión de poñer esta xestora en marcha acordouse nunha xunta local do PP celebrada na tarde noite de onte presidida polo presidente provincial, Alfonso Rueda. A xuntanza tiña como obxectivo poñer en marcha o novo órgano encargado de "reforzar a estrutura de partido e seguir traballando para ampliar a súa posición nas parroquias e ser a voz dos veciños, como partido máis votado nas últimas eleccións municipais", unha vez que Javier Bas anunciase o seu cese como presidente local e como concelleiro e voceiro do grupo municipal por motivos laborais.


Ademais da ex concelleira Ana Alonso, que ocupará a presidencia, esta xestora estará formada por María Carmen Amoedo, concelleira e deputada provincial, que será a vicepresidenta; Susana Cabaleiro, secretaria xeral; e Alberto Pazos, deputado autonómico, como voceiro. Mari Carmen Bastos será a secretaria de Organización, Arturo González será o tesoureiro e María José Barciela levará a área de Enlace e Coordinación Parroquial.


Alfonso Rueda agradeceu a implicación e o traballo de Javier Bas durante todos estes anos como alcalde e como presidente do partido. "Asumiu un liderazgo incuestionable, defendeu os intereses de Redondela e traballou de xeito comprometido por todos os seus veciños, e os resultados electorais avalaron o seu traballo. O PP ganou as eleccións municipais, Javier Bas foi o candidato que recibiu máis apoios, e iso non hai que esquecelo". Ademais, agradeceu ás persoas que integran a nova xestora a súa dispoñibilidade e o seu compromiso para seguir reforzando o partido neste concello.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: