www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 12 de Novembro de 2019

A pegada dos "Suevos" de Redondela na televisión
Sociedade • 5/08/2019
Autor: Ana Prieto

O compromiso coa causa feminista, as reflexións sobre o ensino e a naturalidade coa que concursaron todos os membros do equipo foron un agasallo para os espectadores. Estes mestres redondeláns, que participaron no programa "Boom!" son agora coñecidos e recoñecidos dentro e fóra da bisbarra.


Deles é o mérito de que hoxe se coñeza moito máis a figura da matemática galega María Wonenburger, a primeira en conseguir unha bolsa Fullbright para facer a súa tese en Estados Unidos, pero cuxo traballo non foi recoñecido en España por tratarse dunha muller. Os "Suevos" empregaron o seu apelido como "berro de guerra" no programa, e denunciaron as dificultades "coas que se atoparon e aínda se atopan moitas mulleres no mundo da ciencia". Levaron a ovación do público do programa polo seu xesto, que saltou a moitos medios de comunicación e tamén ás redes sociais. Fran Pérez, membro do equipo, explica que con este xesto querían aproveitar o seu paso polo programa "para darlle voz á causa feminista", pero recoñece que non imaxinaron que tería tanta repercusión nos medios de comunicación. Tamén lograron os aplausos do público tras unha reflexión sobre o ensino. Pérez explica que moitas veces "só se valoran as notas" e advirte que é moito máis importante a relación que se dá entre o mestre e os alumnos, motivar aos rapaces "e que se formen como persoas". Tras cinco programas, os "Suevos" tiveron que dicir adeus ao concurso presentado por Juanra Bonet, levando un premio de 17.600 euros. "Los pollos cowboys" elimináronos na bomba clasificatoria ao superalos por tan só 100 euros de diferenza. Con todo, a experiencia para o equipo de Redondela "foi moito mellor do agardado". Este mestre de música natural de Cedeira (A Coruña), asegura que foi moi enriquecedor "ver como funciona a tele por dentro", e só ten palabras de agradecemento para todo o equipo. Agora o equipo goza dunhas merecidas vacacións, antes da volta ás aulas en setembro, onde seguro que os alumnos lles lembrarán o paso polo probrama de Antena 3, no caso de Fran no colexio de Pazos de Borbén.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: