www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 26 de Agosto de 2019

A mensaxe do Artelixo viaxa de Redondela ao Caurel
Cultura • 7/08/2019
Autor: Ana Prieto

O vindeiro sábado, día 10, o colectivo Artelixo de Redondela vai levar a súa mensaxe medioambiental e artística ao Caurel. A Casa das Tecedeiras acollerá a obra "Bágoas de serea", o traballo indultado nesta edición 2019 do Artelixo. No Patio da Tola celebrarase unha xuntanza informativa do Artelixo que incluirá a proxección dun documental que recolle anacos de anteriores edicións do festival.


O local “O Patio da Tola” acollerá este "desembarco mariñeiro" con dúas citas. A primeira ás 12.00 horas na Casa das Tecedeiras, Vieiros, onde se instalará a obra indultada nesta edición 2019 do Artelixo de Redondela. Trátase da peza “Bágoas de serea” de Kiko Amoedo e Olga Nogueira. O traballo xestouse como obra final da limpeza da praia de Cesantes coordinada no outono pasado desde o colectivo ecoloxista ADEGA. A partir das 12.30 horas, no Patio da Tola, terá lugar unha xuntanza aberta informativa do Artelixo, á que están convidados todos os visitantes e veciños, así como os centros educativos da contorna. Aa xuntanza irá acompañada da proxección dun documental que recolle a historia deste festival, tanto da súa versión ObraLixo, como das máis recentes SonaLixo, Parnalixo ou Poesía para peóns. Ao rematar a xuntanza organizan un xantar a prezos populares con especialidades redondelás como o choco, pero tamén con versión vexetarianas e veganas. A xornada rematará cunha sesión de "micro aberto" e unha foliada.


Con esta actividade no Caurel o colectivo Artelixo pretende "extender o máis posíble" a reflexión que fan sobre o mundo no que vivimos: o que consumimos, como se xestionan os residuos, e a necesidade de virar cara un sistema máis sostible "para garantir un mañá".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: