www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 12 de Decembro de 2019

Fin de semana clave para o club de remo Cesantes, a un paso da fase de ascenso á LGA
Deporte • 12/08/2019
Autor: Ana Prieto

Nas últimas dúas bandeiras disputadas en Muros e Cedeira, a traiñeira de Cesantes acadou o segundo e terceiro posto, respectivamente. É terceira na xeral da LGB, e xogarase o pase á fase de ascenso en Castropol e Mugardos ante o barco de Coruxo, que agora ocupa o 4º posto a 1 punto.


Na XII Bandeira Concello de Muros, sétima proba puntuable para a liga Galega B de traiñeiras, o barco de Cesantes foi un dos protagonistas. A embarcación redondelá acabou segunda unha regata que finalmente foi para a intratable A Cabana Ferrol, líder da clasificación xeral. A Esteirana, anfitrioa, tomou a dianteira ao inicio e pasou a primeira virada en primeira posición, coa Cabana a dous segundos, Coruxo a catro e Cesantes, a cinco. Na segunda ciaboga, Esteirana continuaba na cabeza e era a única en baixar do dez minutos, pero a traíña local non aguantou o ritmo, momento que aproveitaron A Cabana Ferrol e Censantes para adiantala. O barco ferrolán acabou cruzando a meta en primeiro lugar cun tempo de 20:21.36. Pouco despois, a menos de tres segundos, facíao a embarcación de Redondela, mentres que Esteirana tíñase que conformar coa terceira praza, e Coruxo era cuarta. Chapela foi sétima, a máis dun minuto. Onte, na IV Bandeira Concello de Cedeira, Cesantes acadou o terceiro posto, por detrás de Esteirana e Cabana Ferrol, que foron 1ª e 2ª, respectivamente. Na clasificación xeral segue o barco de Ferrol por diante, con 78 puntos, mentres Esteirana ocupa a segunda praza con 73. Cesantes vai en terceiro lugar, con 61 puntos, tan só 1 máis que Coruxo, que se sitúa en 4ª posición. Desde o C.C.D. de Cesantes, o presidente Jorge Rodríguez, sinala da importancia que terán os resultados da próxima fin de semana "clave" para saber se entran na fase de ascenso a LGA. Nas dúas últimas regatas puntuables, a Bandeira Princesa de Asturias, en Castropol, e a Bandeira de Mugardos, decidirase se a praza é para o barco redondelán ou para o de Coruxo. No caso de disputar o "play-off" deberán medirse con toda probabilidade a Muros e Amegrove.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: