www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 15 de Outubro de 2019

Música, xantar e xogos populares na II Romaría Cultural Sinha Paca con pregón de Chelo Rielo
Cultura • 6/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

Sofía Espiñeira e Tres Zapatos pechan hoxe venres as novenas culturais que durante a última semana se veñen desenvolvendo en diferentes prazas da vila co obxecto de promocionar o evento festivo deste sábado día 7. A contorna das antigas casas dos Mestres será o espazo que este sábado dende as 11:00 horas e ata a madrugada acolla as diferentes propostas que nos deixa a II romaría cultural que organiza a  plataforma Sinha Paca.


Os pasarrúas acompañados dun espectáculo de zancudos suporá o arranque da II Romaría Cultural que durante todo o día se celebra este sábado nas antigas casas dos Mestres. A artista local Chelo Rielo será a encargada da lectura do pregón nunha mañá na que tamén se poderán adquirir produtos artesans nun mercadiño montado para a ocasión. A sesión vermú contará coa actuación do grupo local 33RPM.


Logo do xantar popular, ao que poderán sumarse todos os que o desexen, haberá xogos para as crianzas, música do DSJ Hedra Velenosa e actuación de Sonsoles Penadique e Carlos Quintá co disco "o Cantigueiro de Cotobade".


De seguido e por segundo ano consecutivo celebraranse as Regueifas-Rap e xa pol noite subiranse ao escenarios os grupos "Patri and the Pool Boys", "Paciencia Paradise" e para rematar cos rapeiros "Globersmokers".


Tamén hai novidades como a intervención artístico gastronómica con dous mozos de Redondela que pola mañá farán fotografías cunha cámara do ano 40 a cal se lle adaptou unha lente aérea do exercito americano da 2ª guerra mundial para tomar imaxes sobre papel fotosensible.
As fotos exporanse pola tarde na romaría ao tempo que no posto "posando e pingando" poderase gozar de café expresso e refrescantes frappes.


Hoxe chegan ao seu remate as novenas culturais coa actuación na rúa Prata de Sofía Espiñeiras e Tres Zapatos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: