www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 11 de Decembro de 2019

Digna Rivas denuncia o "boicot" da Autoridade Portuaria ao Concello de Redondela
Política • 24/09/2019
Autor: M. X. Queimaliños

A alcaldesa non terá voz nin voto no Consello da Autoridade portuaria que se reúne este venres 27 de setembro logo de que o organismo volvese convocar, por segunda vez dende que arrancara o mandato, ao seu predecesor no cargo, Javier Bas. Rivas entende que o obxectivo desta manobra é silenciar os intereses dos veciños e veciñas de Redondela que se opoñen á instalación do almacén de colectores en Rande.


Asegura a alcaldesa que se fixeron todos os trámites para subsanar o "suposto erro" que xa acontecera dous meses atrás, cando Rivas non puido ocupar o posto que lle corresponde como vogal nese organismo porque supostamente faltaba comunicar o cambio á Consellería do Mar. "A día de hoxe ese trámite está feito e volven convocar a Javier Bas cando son perfectamente conscientes de que xa non ocupa a alcaldía".


Rivas asegura non entender o boicot que Redondela e os seus veciños e veciñas están a padecer nese organismo que preside o popular Enrique López Veiga, aínda que sospeita que detrás desa manobra se agoche o obxectivo de que non se escoiten nese órgano voces en contra aos intereses da Autoridade de instalar un almacén de colectores na explanada de Duchess en Rande.


Amosa a rexedora local a súa indignación tendo en conta ademais que, dentro da orde do día do Consello deste venres, hai dous puntos de relevancia para Redondela como son un estudo sobre a delimitación de usos de espazos portuarios e un informe sobre o estado da estrutura do cargadoiro de mineral.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: