www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 16 de Outubro de 2019

Carmen Amoedo acusa ao goberno local de ter "paralizado e colapsado" o Concello de Redondela
Política • 27/09/2019
Autor: Ana Prieto

O grupo municipal do PP reuniuse esta mañá para facer balance dos cen días de goberno do bipartito, ao que acusan de ter "paralizado e colpasado" o Concello de Redondela. Critican a "incapacidade" da alcaldesa, Digna Rivas, para xestionar os problemas dos veciños e denuncian que PSOE e AER "só se puxeron de acordo para repartir os sillóns".


A voceira do grupo popular, Carmen Amoedo, argumentou que actualmente o Concello de Redondela ten "dous partidos, per ningún goberno". Acompañada de todos os concelleiros do grupo municipal popular, Amoedo lamentou "o incumprimento" por parte do bipartito de facer do Concello unha institución "coas portas abertas para os veciños". Sinala que agora a cidadanía debe tramitar todas as súas peticións por escrito "o que supón o colpaso do rexistro municipal e atrasos na resolución dos problemas". Amoedo puxo varios exemplos do que definen como "falta de xestión" por parte do actual goberno bipartito, "mesmo en proxectos que o anterior goberno do PP xa deixara moi avanzados", e cun orzamento de 2,4 millóns de euros para obras sen executar. Apuntou os caso da Casa da Cultura de Quintela, ou a Área Recreativa de San Estevo de Negros. Desde as filas populares advirten tamén que o equipo de goberno aínda non pesentou un borrador dos orzamentos de 2019, e que continúan traballando coas contas prorrogadas do anterior executivo. Denuncia tamén Amoedo un atraso de dous meses na resolución das subvencións para os clubes deportivos de Redondela "que estána día de hoxe sen cobrar as axudas" ou o incumprimento dos acordos do Consello da Muller, ao non convocar as concentracións contra a violencia machista o primeiro luns da cada mes "como viña facéndose de acordo cos colectivos do municipio". En canto ao departamento de Servizos Sociais, critican "a falta de previsión" por parte do Concello, xa que estivo sen atención ao público 15 días por mor das vacacións das traballadoras. No caso da oficina de Chapela denuncian o recorte do servizo " a tan só un día por semana".


Abandono das parroquias


En canto á situación das parroquias falan de "abandono total" por parte do goberno local, con "atrasos inxustificados" nos traballos de desbroce e limpeza. A voceira popular considera "un esperpento" que o goberno faga "oposición da oposición" atribuíndo ao anterior goberno do PP os atrasos nos desbroces "cando tiveron o contrato paralizado mes e medio".


Os populares lamentan que o bipartito "non só non poña en marcha novas políticas, senón que ademais estrague o traballo feito anteriormente". Critican que eventos como o Entroido de Verán se viu reducido nesta edición "a unha festa de barrio" con menos afluencia de público, sen Gala Drag Queen, "e onde o único que non se reduciu foi o botellón". Amoedo Dasilva denuncia tamén incumprimento dos compromisos do pacto de goberno "xa que aumentaron o gasto en salarios da corporación e tamén nas horas extraordinarias dos traballadores municipais".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: