www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Xullo de 2017

Tempo de Jazz


 

 

Tempo, unha hora á beira da media noite; tempo, a velocidade da música. "Tempo de Jazz", un recanto na noite dos martes -con repetición os sábados- para enchelo de música e palabras.

 

Remataba o verán de 2001 cando botamos a voar esta idea, este programa que camiña agora ao seu décimo cuarto aniversario. Nesta a nosa historia de noites -desde o 11 de outubro de 2005, pois ata entón emitiamos de tarde- ata febreiro de 2015, cando redactamos estas liñas, van 656 emisións ao longo de 698 semanas: que nalgunhas ocasións, por dificultades persoais, técnicas ou de programación, invencíbeis, faltamos á nosa cita. Vai aló tamén algún pequeno especial de Nadal e un concerto de aniversario.

 

Pero as máis das veces aí estivemos, e queremos seguir a estar; quen? Primeiramente o persoal da Emisora Municipal de Redondela, "Radio Redondela", botando ás ondas o son e o sinal, sempre con máis agarimo e mellor disposición da que é esixíbel pola simple profesionalidade; bastantes nomes de muller por un pouco de tempo e, longa e moi especialmente, Susi -desde o comezo e ata 2009 coa maioría absoluta de programas; súas foron a idea, o convite para colaborar, a acollida á miña leria interminábel sobre esta música que me entusiasma-, Ana -de xeito máis ocasional, por tempadas; súa é a calma que supera todos os inconvenientes- e, desde hai preto de cinco anos, e Lorena -súas son a infinita paciencia e o sorriso constante, toda unha inspiración de ledicia, intelixencia e elegancia, e mais tamén agora a maioría absoluta de emisións-. Dun tempo a esta parte Pedro Cuntín recollendo o son, se non en todos, si en boa parte dos programas. Tamén eu, escollendo a música e envolvéndoa en palabras, como un namorado e, se cadra, como ocorre a miúdo cos namorados, incansábel e enfeitizado a falar do seu amor.

 

Ai o meu amor!: o Jazz. Esa música mestiza e mesturada; esa música que son xa un milleiro de músicas inconformistas e sorprendentes a cruzarse e cruzadas cos sons todos da terra, ese agasallo que nos fixo á humanidade enteira o pobo negro de Norteamérica. O Jazz fecundando a nosa cultura contemporánea -o cine, a literatura, outras músicas, aínda as máis comerciais- mesmo alén de ata onde somos conscientes, a pesar de nós mesmos.

 

Militantes na reivindicación da importancia e vitalidade desta música, tamén no noso país, o noso programa está deliberadamente orientado a crear afección ao Jazz e a facilitar unhas referencias básicas a quen queiran coñecelo e gorentalo. Por iso procuramos que a música que emitimos sexa accesíbel logo, de maneira que cada quen poida ir facendo a súa colección de discos.

 

Así que algo máis inclinados á historia que á actualidade, porque esta recibe entre nós se cadra algo máis de atención, aínda que non a descoidando, con frecuencia dedicámonos a presentar estilos ou escolas, biografías de músicos, discos significativos etc., a miúdo ao longo de series que cobren varias semanas -agora andamos nunha de un ano sobre as mulleres no Jazz, as grandes e inxustamente esquecidas mulleres que se expresaron, non cantando, senón compondo, dirixindo tocando un instrumento-. Outras veces a nosa emisión é temática e desenvolve, ilustrándoo musicalmente, un pretexto que pode ser literario, social ou cinematográfico. Daquela, menos veces, pero de xeito tamén cada vez máis habitual, presentamos novidades discográficas de músicos, galegos principalmente. Nestes casos a estrutura habitual comentario-música convértese en fragmento de entrevista-música. Ademais, o certo é que, ao fío disto, vén sendo aos poucos habitual que non sexamos nós quen convidamos aos artistas ao noso programa, senón eles quen nos propoñen a súa participación, de forma que no modesto pero interesante panorama do Jazz en Galiza, sen pretendelo, temos ido gañando un certo aprecio. Fernando Llorca; Alberto Conde; Baldo Martínez; Paco Charlín; Xan Campos; Virxilio da Silva; Vi-Gop; Sumrra; Marcos Pin; Antonio "Castillo", Nando Lago e Alberto Vilas, estes tres redondeláns; Gabriel Peso; Felipe Villar, y Juyma Estévez son artistas que compartiron nalgunha ocasión as súas creacións connosco; o mesmo que foron benvidos aos nosos micrófonos músicos forasteiros como Cirrylle Oswald, Clemens Marktl, Hernan Hock, Julian Julien ou Walter White, o xestor e axitador cultural Lois Carballo, ou os poetas María do Cebreiro e Arturo L. Regueiro, en tanto a nosa música ten unha estreita relación coa súa obra.

 

E se nada sabemos con precisión de canta é a nosa audiencia, temos noticia de que é fiel e de que nela houbo en tempos bastantes persoas que gravaban a emisión para escoitala a conveniencia noutro momento; algo que xa non é preciso desde hai uns sete anos, pois, a pouco de emitidos, os programas xa están en "podcasts" nesta nosa páxina da internet. En fin, novas posibilidades de darlle eco ao noso vo dos martes: vós podedes oírnos a vontade no voso computador, facilitándose a escoita ordenada en secuencia de series enteiras de programas con algún interese especial para alguén, e entre vós hai xa xentes que acceden desde todos os recantos do mundo.

 

Gústame dicir cando presento ou despido cada programa que o facemos entre todas as persoas que nese día e hora nos xuntamos arredor del, no estudio ou á beira do receptor da radio, tamén con todas as que se suman logo na rede; que é como un cesto ou un lenzo tecido entre todas e todos coas vimbias, cos fíos, que invisibelmente nos unen na noite e no son; que é así un tempo compartido, e, xa que logo, un tempo en ida volta.

 

Grazas por estardes aí! Agardámosvos nese instante máxico en que os reloxos poñen proa á media noite, para debullar xuntos, unha outra vez, este noso "Tempo de jazz" que, como sempre, quere petar no voso corazón con este repenicar de tambor...

 

Luís Gustavo Cuntín Docampo

 

 

 

Hoxe na Radio
Audios deste programa

Tempo de Jazz

The Blues & Cannonball Adderley III

Tempo de Jazz

The Blues & Cannonball Adderley II

Tempo de Jazz

The Blues & Cannonball Adderley I

Tempo de Jazz

The Blues & Oliver Nelson IV

Tempo de Jazz

The Blues & Paul Gonsalves V plus Earl Hines II

Tempo de Jazz

The Blues & Paul Gonsalves IV

Tempo de Jazz

The Blues & Paul Gonsalves III

Tempo de Jazz

The Blues & Clark Terry & Paul Gonsalves II plus Earl Hines I

Tempo de Jazz

The Blues & Clark Terry & Paul Gonsalves I

Tempo de Jazz

The Blues & Oliver Nelson III unha Xoia Sherrill

Tempo de Jazz

The Blues & Oliver Nelson II

Tempo de Jazz

The Blues & Oliver Nelson I

Tempo de Jazz

"In memoriam Toots II"

Tempo de Jazz

In memoriam Toots I

Tempo de Jazz

Os tíos e os avós americanos do Bossa Nova: outras bossas.