Novas Xeracións de Redondela lamenta a actitude inxustificada do Concello de “deixar escapar o Programa Actívate da Deputación provincial cunha variada oferta de cursos formativos”
O grupo de Novas Xeracións de Redondela denuncia a perda de cursos gratuítos para os mozos do municipio propostos pola Deputación de Pontevedra. O Concello, segundo explica a edil popular, Laura Alonso “alega que rexeitou a adhesión ao programa Actívate porque a cantidade de cursos que o compoñía era pouco, cousa totalmente incerta xa que o programa daba a posibilidade de solicitar ata un total de 18 cursos diferentes, dende idiomas ata informática, fotografía ou prevención de riscos laborais, entre outros moitos”.
Dende Novas Xeracións denúnciase a “deixadez” do goberno local en materia de xuventude, “que lle nega aos mozos e mozas de Redondela as posibilidades formativas e de ocio das que si gozan noutros municipios”.
Segundo Alonso é intolerable que a mocidade redondelá estea marxinada nestes temas por un capricho persoal do goberno local, simplemente porque non lles convén politicamente subscribirse a nada que propón o ente provincial.