Un total de 110 petos repartidos por institucións e locais comerciais de Redondela e Vigo recollen as axudas anónimas de moitos cidadáns que queren colaborar para que Jessica, unha moza de Chapela que sufre parálise cerebral, poida camiñar. A operación que faría posible este miragre só se realiza en centros privados de Estados Unidos e Alemania e custa 25.500 euros.
O pai de Jessica, o fotógrafo e veciño de Chapela Eugenio Álvarez confía en que a intervención se realice o vindeiro 8 de decembro en Dusserdolf. Trátase dunha complexa operación con células nai que segundo os médicos especialistas podería permitir que a rapaza chegue algún día a falar e aseguran que poderá camiñar. Animado por amigos e coñecidos, Eugenio Álvarez, un coñecido fotógrafo especializado en foto deportiva, xa que durante anos foi o fotógrafo oficial do Celta, decidiu por en marcha esta campaña baixo o lema “un euro solidario, axúdalle a camiñar”. Tamén abriron unha conta solidaria en Caixanova en Chapela (2080 0030 93 0000143840) na que todo o que o desexe pode facer a súa aportación solidaria. Unha causa a que se ten sumado tamén Susana Seivane, Alberto Comesaña ou Alberto Cunha que serán algúns dos artistas que participen no concerto solidario que está previsto para o 5 de novembro no hotel Los Escudos en Vigo.