A Concellería ven de instalar recipientes para a recollida destes soportes nos Multiusos de Redondela e Chapela así como na Casa do Concello para a súa posterior reciclaxe e reutilización
Plásticos, latas, vidros, papel ou cartón son algúns dos materias que xa estamos acostumados a reciclar. Colectores de diferentes cores e formas serven para facer a recollida selectiva de todos aqueles materiais que poden ser reciclados e cuxos compoñentes son reutilizados na fabricación de novos produtos.
Agora tamén en Redondela podemos reciclar soportes informáticos tales como CDs e DVDs, novos materiais que unha vez estragados non sabiamos onde depositar. Por este motivo dende a Concellería de Medio Ambiente veñen de poñer en marcha un novo servizo que permite recoller selectivamente estes soportes de almacenamento óptico para a súa posterior reciclaxe e reutilización, permitindo así pechar o seu ciclo de vida.
Os recipientes para depositar este residuos, atoparanse na Casa do Concello e nos edificios multiusos de Redondela e Chapela.
Dende a Concellería animan a todos os veciños a facer uso deste servizo xa que segundo explican aínda que os CDs non son un residuo tóxico nin perigoso, os seus efectos negativos no medio natural “son causados polo desaproveitamento dunha materia prima potencialmente reciclable”.
De feito os CDs inútiles poden ser usados na producción de partes da industria plástica de automóbiles, equipos de oficina ou parra a elaboración de caixas de xoias. Os centros de reciclaxe separan os materiais das lacas de plásticos, os limpan, trituran e converten nun plástico de alta calidade.