Dende hoxe e até o vindeiro 9 de xuño a sala de exposicións da Casa da Torre acolle a mostra fotográfica Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente. Tomohiro Muda na que o artista presentan unha selección das imaxes tomadas durante as súas peregrinacións a Santiago.
Unha visión do peregrino e do Camiño a través dun dos fotógrafos máis representativos e vangardistas da actualidade. Amante do románico francés e, sobre todo, do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación, Tomohiro Muda presenta unha escolla das numerosas imaxes que tomou durante as súas peregrinacións a Compostela. Unha exposición que estivo en París, Tokio, Xapón e Santiago e que agora chega a Redondela da man da programación do Camiño Contemporáneo do Xacobeo 2010, que inclúe os proxectos expositivos de carácter máis vangardista e que se exhibirán en diversos espazos de Galicia.
Con máis de vinte e cinco anos de experiencia, Tomohiro Muda, percorreu medio mundo recollendo imaxes da arte xaponesa, románica, bizantina, así como de ruínas budistas e da pintura rupestre china. No ano 1988 presentaba a súa primeira exposición sobre a localidade de Sherpa, no Himalaia, logo de seis anos de carreira como fotógrafo independente. Muda tamén expuxo numerosas fotografías como as que compoñen as coleccións centradas na “luz” e a “presenza”, que inclúen Roma, O muro do tempo, Cara de Ferro e Retratos de Poli, cidade italiana entre montañas e agora chega a Redondela con esta mostra centrada no Camiño de Santiago que poderá visitarse ata o nove de xuño.
Antes de chegar a Casa da Torre a mostra itinerante Camiño de Santiago. Unha visión dende oriente estivo en Palas de Rei e Ames. A partir do nove de xuño continuará o seu camiño cara Dumbría, Muxía e Fisterra, onde rematará a súa peregrinación por terras galegas o 31 de setembro.