Logo de meses de obras dende que se iniciaran os traballos da rotonda na saída da AP-9 en Rande, parece que na vindeira semana podería quedar rematada definitivamente esta glorieta.
Na xornada de onte e hoxe producíanse retencións en ambos os dous sentidos da marcha a consecuencia do asfaltado da vía ao redor da rotonda, unha actuación que supón xa os últimos retoques na obra.
A rotonda e os semáforos que se instalaron nas súas inmediacións veñen dar solución a dous problemas no lugar, por unha banda as dificultades dos propios veciños da zona para cruzar unha vía cunha importante intensidade de tráfico rodado e por outra banda, facilitar aos condutores o cambio de sentido unha vez saen da autoestrada.
Con todo, nos últimos días tamén se escoitaron voces de protesta logo de que se coñecese a intención de Vigo de prohibir aos camiños circular pola rúa Sanjurjo Badía e obrigar ao tráfico pesado que se dirixe ás empresas asentadas no litoral de Teis a circular pola AP-9 para unha vez en Rande dar a volta en dirección á Avenida de Vigo polo centro urbano de Chapela. Unha iniciativa do goberno vigués que xa tivo resposta tanto por parte dos veciños de Chapela como do propio concelleiro de tráfico, Eduardo Reguera, quen anunciaron non estar dispostos a que os camións usen o vial de Chapela para acceder a Teis.