A Asociación Cultural de Rande ven de dar un importante paso ao conseguir o apoio do porto vigués ó seu proxecto para facer un centro de interpretación da batalla. O colectivo xa traballa no proxecto de viabilidade, que contempla o acceso por mar ó futuro parque etnográfico e arqueolóxico.
O esforzo que durante anos leva feito a Asociación Cultural de Rande está a dar os seus froitos, e o seu proxecto para crear un museo sobre a contenda naval e poñer en valor o litoral do barrio está máis preto de facerse realidade. A Autoridade Portuaria de Vigo comprometeuse onte a facilitar a concesión dos terreos nos que se situaría o proxecto, que abarca a zona da costa desde as ruínas do castelo de Rande, situado xunto a un dos alicerces da ponte da AP-9, até o vello cargadeiro de mineral. O colectivo leva anos loitando para conseguir que a antiga conserveira, coñecida como “fábrica do alemán”, albergue un centro de interpretación da contenda naval librada nese lugar en 1702 . Pero o ambicioso proxecto da Asociación Cultural non se limita a isto, senón que o obxectivo é crear na zona un parque etnográfico e arqueolóxico cun carreiro litoral que englobaría as ruínas do castelo, o núcleo mariñeiro de Rande, a praia e o cargadeiro de mineral. Agora están a traballar no proxecto de viabilidade, no que contemplan tamén a solución de problemas como os accesos. Accesos por marXurxo Constenla, arqueólogo e membro da asociación, salienta que as dificultades nos accesos por estrada a Rande son “un dos moitos atrancos” cos que contan. Para iso valoran a posibilidade de que os visitantes accedan a este enclave cultural por mar, xa que a zona “conta con calado suficiente”, e podería facerse o traxecto en barco desde os portos de Vigo e Cesantes.Ampliación da AP-9 Outro dos problemas ós que se enfrontan neste colectivo é a ampliación da ponte da AP-9, que “non axuda en nada”, xa que os novos alicerces nas inmediacións das ruínas do castelo prexudicarán ó entorno. Constenla sinala que nese aspecto a asociación “non pode facer máis que presentar alegacións”. Agardan que, no caso de facerse a ampliación, as administracións recuperen os restos do castelo ubicados na zona. O proxecto para crear o Museo de Rande xa recibiu a principios de mes un impulso definitivo coa concesión dunha subvención de 36.000 euros do Grupo de Acción Costeira (GAC) do sur de Pontevedra, dependente da Consellería de Mar, que se completará cunha achega de 9.000 euros do Concello para a redacción do proxecto do museo.