Os veciños poderán conectarse a Internet nos centros culturais a través do seus portátiles, PDA´s ou móbiles. A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Marisma que tamén permitirá navegar pola Rede sen fíos na zona da Xunqueira, a Alameda e en parte do río Pexegueiro.
Este venres o alcalde de Redondela, Xaime Rei, e o representante da empresa Quobis Networks, de Porriño, asinaron o contrato para a execución das obras de instalación de puntos de acceso wifi nos centros sociais do municipio. As obras de instalación dos puntos de acceso executaranse en sete meses e contarán cun orzamento de 140.140 euros, que serán cofinanciados coa axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. A creación desta rede wifi enmárcase dentro do proxecto Marisma que levará a conexión a Internet sen fíos aos centros culturas do concello pero tamén ás zonas da Xunqueira, á Alameda e no tramo urbano do río Pexegueiro, co obxectivo de facilitar o acceso a internet á cidadanía, en especial, a aquelas persoas que residen en parroquias onde as infraestruturas de rede non lles permiten a conexión de banda ancha nas vivendas particular. A instalación desta rede wifi permitirá aos veciños que se poidan conectar a través dos seus portátiles, PDA´s e teléfonos móbiles a internet sen fíos nos centros sociais das súas parroquias.