A pesares da superioridade dos de Julio Álvarez os ourensáns conseguiron a remontada na segunda parte do encontro, deixando o marcador definitivo A Peroxa 2- Choco 2. O reparto de puntos deixa ós redondeláns na metade baixa da táboa. Na Primeira Autonómica o Chapela tampouco pasou do empate co Gondomar.
Preferente Autonómica
Peroxa 2-Choco 2
O Choco non foi quen de superar ó pechacancelas, que conseguiu sumar o seu primeiro punto da temporada diante dos redondeláns. A Peroxa remontou os dous goles de vantaxe que tiñan os de Julio Álvarez ó descanso. O partido comezou con dominio do Choco, que soubo aproveitar os erros defensivos dos ourensáns para pechar o primeiro tempo con dous goles anotados en remates de Manu Lojo e Estefan.. Pero na reanudación os locais non se renderon, e a baixa garda dos redondeláns deulles o primeiro gol no minuto 46. Os de Julio Álvarez quixeron sentenciar o partido á contra, pero A Peroxa amosouse como un equipo moi loitador e no minuto 84 acadaron a igualada. Mágoa de 2 puntos que deixou escapar o Choco, e que lle terían servido para achegarse ós equipos de cabeza. A situación complícase para os redondeláns nun momento no que aínda ten que configurar os seus posibles obxectivos. O adestrador marca ata mediados de decembro o prazo para ver as posibilidades do equipo nesta campaña. O Choco está agora na 12ª posición da táboa, no próximo partido recibirá en Santa Mariña ó Porriño Industrial (16º)
Primeira Autonómica
Chapela1-Gondomar1
Partido de poder a poder o disputado en Chapela e con reparto de puntos ó final do encontro. Adiantouse no marcador o equipo gondomareño pero os locais conseguiron a igualada. O empate sérvelle ó Gondomar para seguir escalando postos na cabeza, pero o Chapela queda nunha situación complicada, 13º. A próxima xornada xogan no campo do San Adrián, 14º na táboa e empatados a puntos cos redondeláns.
Arcade 0 – R.Castrelos 2
Partido igualado o disputado en Arcade, pero no que finalmente se impuxo o Rácing de Castrelos. O resultado deixa ós de Soutomaior nunha situación moi complicada, son penúltimos, con 8 puntos en 11 xornadas. E o próximo domingo visitan un campo complicado, o do Gondomar, 4º clasificado que ven de empatar no campo do Chapela.
Terceira Autonómica
Cesantes 5 -Presqueiras 2
Vitoria e por goleada do Cesantes, que arroiou ó pechacancelas do grupo, o Presqueiras. O Cesantes escala así ata a 5ª posición da táboa. O próximo domingo xoga no campo do Santomé (9º)
Vilar-Vincios- non disputado
Próxima xornada xogan no campo do pechacancelas, o Mosende, que só suma un punto en 9 xornadas disputadas.
Moraña 5-Soutomaior 1
O Soutomaior sufriu unha dura derrota diante do Moraña, que lle encaixou unha goleada. O resultado deixa ó Soutomaior 8º do seu grupo. O próximo domingo recibirán na casa ó Beluso, mediranse así a un dos equipos máis forte da temporada, actualmente 2º clasificado.
Moaña B 4-Arcade B 1
A derrota no Morrazo deixa ó filial do Arcade na parte baixa da táboa, son 13º. O próximo domingo descansan.
Nespereira 3-Oliveira 3
O Nespereira non conseguiu máis que un empate na visita do pechacancelas, unha vez máis os de Pazos demostraron que acadan mellores resultados cos equipos da parte alta da táboa que cos que se atopan na cola da clasificación. Con todo, o empate sérvelles para manterse na metade do grupo, son 8º. A próxima xornada o Nespereira visita o campo do Vilasobroso, 9º do grupo que suma un punto menos que os de Pazos.
Futbol Sala- Autonómica Sur
Redondela 6-Opel Fimauto 4
Os redondeláns acadaron un resultado positivo na bomboneira superando ó Opel Fimauto nun encontro con moita emoción ata o final. As cousas empezaron cun claro dominio do equipo redondelán pero sería o Opel Fimauto quen se adiantaría no marcador no minuto 12. O Redondela mandaba na posesión pero a contra letal do Opel foi decisiva e así chegou o 0-2 a falta de 2 minutos para o descanso. Un fallo do porteiro local a falta de 30 segundos deu lugar ao 0-3 ao descanso. Na segunda parte as cousas mudaron, no minuto 2 os locais marcaban por medio de Álex que cun hat trik levou o maior aplauso do pavillón. O equipo visitante acusou o cansazo e as ocasións chegaron para o conxunto local. Álex marcaba o 2-3, e despois Jorge anotaba o empate 3-3. Logo Álex puña o marcador no 4-3, e o Opel Fimauto rendeuse, mentres Jorge outra vez daba coas súas botas o 5-3. Logo Juan Carlos marcaba en propia porta o 6-3, e o 6-4 definitivo chegaría no medio da celebración da vitoria redondelá. O triunfo déixaos nunha situación da táboa algo máis cómoda, son 8º. A próxima fin de semana visitan a pista dun rival complicado, o Erichkrause, 3º do grupo.