Reclaman unha barreira que protexa a viandantes e vehículos ante o elevado barranco que presetna un lateral do camiño. Trátase dunha nova critica veciñal ante o estado que presentan numerosos camiños parroquiais. Dende o PP, denuncian a falta de actuación por parte do goberno local de cara a solucionar estas e outras deficiencias.
Os camiños no barrio de Igrexa en San Vicente de Trasmañó, o camiño das Grilas no barrio da Aldea en Cedeira ou os camiños do Piñeiros e Magariños en Santo Estevo de Negros teñen en común segundo denuncian os seus veciños atoparse nun estado lamentable de conservación. Así o denuncian os seus veciños quen poñen de manifesto o mal estado do firme, a existencia de fochancas que complican a circulación, cunetas sen limpar ou maleza nos seus laterais son tan só algunhas das queixas que se escoitan por parte dos seus usuarios.
A esta lista engádese agora o Camiño da Banca en Saxamonde, os veciños desta parroquia reclaman ao goberno local que se instale unha barrreira de protección para peóns e vehículos que mellore a seguridade vial nun camiño onde existe un importante desnivel de terreo.
Unha demanda á que se suma tamén o PP quen denuncia a través do seu candidato á alcaldía Javier Bas “a situación que están a padecer os veciños de Saxamonde, así como tamén o resto de persoas que transitan por dita zona, onde existe un grave problema de seguridade vial, a causa dun enorme desnivel do terreo “que pón en risco a diario a viandantes e vehículos nesta zona onde o Camiño da Banca se cruza coas vías do ferrocarril e se ve afectado pola franxa de afección desta infraestructura ferroviaria”, O Partido Popular constatou in situ a gravidade deste problema. Explican que nesta zona a construción das vías obrigou no seu día a desviar o Camiño da Banca da súa traxectoria orixinal ademáis de estreitar moito a calzada. A maiores construíuse unha ponte sobre as vías, movéronse as terras “e o resultado de todo é que, a día de hoxe, o camiño atópase a unha gran altura sobre a rasante das vías, sen protección algunha, nin varandas nin quitamedos, nin un muro de contención, de maneira que cando dous vehículos se cruzan nesta zona tan estreita, de curva moi pechada e preto da ponte da vía, teñen que medir a súa manobra a risco certo de caer barranco abaixo sobre as vías que están totalmente desprotexidas”.