A manchea de goles no derbi contra o Arcade supuxo unha inxección de moral para os de de Luis Ferreira, que sumaban varias xornadas sen coñecer a vitoria. Con todo, a situación na táboa é complicada, son 13º, pero aspiran a mellorar esa posición despois do partido co Alerta Traviesas. Un encontro que promete moito fútbol xa que os dous equipos se distinguen polo xogo ofensivo.
O resultado do derbi na Primeira Autonómica entre o Chapela e o Arcade, con goleada para os Redondela cun resultado de 5-1, supón unha importante carga de moral para os de Luis Ferreira. Os de Chapela levaban varias xornadas sen gañar e facelo con esa contundencia diante dun rival directo supón “un premio engadido”. O técnico do equipo redondelán salienta o bo xogo demostrado polo seu equipo e o “xusto” que ó seu entender foi o resultado. Ferreira agarda que a vitoria no derbi supoña “un punto e aparte” nesta liga, e que as cousas melloren para o Chapela, que agora é 13º. Todo pasa polo que aconteza na súa próxima cita, no campo do Alerta Travesas. En principio os vigueses parten como favoritos, xa que xogan na casa e ademais ostentan unhas cifras moito mellores que os de Redondela, xa que son actualmente 5º na táboa da Primeira Autonómica. Con todo, Ferreira agarda colleitar un resultado positivo. O técnico aventura que será un encontro moi disputado e con bo fútbol, xa que os dous equipos se distinguen por practicar un xogo ofensivo. O obxectivo do Chapela e sumar puntos no que resta desta primeira volta, sobre todo nos partidos que disputarán cos que consideran os seus rivais directos, cos que terán que pelexar pola permanencia no final do campionato. Luis Ferreira confía en situarse canto antes na metade da táboa para evitar apuros na resta final da liga.