Non se coñecen os prazos, o investimento previsto nin tampouco o contido do proxecto pero dende o PP, o edil Alberto Pazos asegura que Portos de Galicia prepara un proxecto integral para o peirao que vai cambiar por completo a estrutura de Cesantes. Dende o BNG acusan ao populares de “fantasiar cun megaproxecto que non se vai facer”
O popular Alberto Pazos anunciaba no transcurso do pleno do pasado mércores un “proxecto integral” para o peirao de Cesantes. Un anuncio inesperado que lle servía para argumentar a decisión do seu grupo de votar en contra dunha moción do BNG, na que os nacionalistas solicitaban o apoio da corporación para demandar á Consellería do Mar que acometa unha serie de actuacións encamiñadas a mellorar as condicións nas que traballan mariñeiros e mariscadoras da Confraría. O nacionalistas Carlos Pazos explicaba que as actuacións solicitadas polos mariñeiros mellorarán non só as súas condicións laborais senón que beneficiarán á propia praia de Cesantes. Os populares aseguraron estar de acordo coas demandas da Confraría, pero engadiron que “existe xa un proxecto integral que vai cambiar por completo a estrutura de Cesantes” polo que ao seu entender non tiña sentido votar a favor da moción. Pedían ademais paciencia ao BNG porque “o proxecto vaise coñecer en breve”. Un anuncio que ao entender do Bloque é “puramente propagandístico” e acusou ao PP de “fantasiar sobre un megaproxecto que non se vai facer”. A oposición do PP non impediu que a moción saíse adiante polo que se lle demandará á Consellería do Mar que acometa unha serie de melloras consistentes na pilotaxe e alongamento do peirao e o dragado da zona interior para gañar máis calado, obras orientadas a modernizar á lonxa e mellorar as instalacións, dotando as mesma de vestiarios, cámaras de frío e xeo, depósitos de auga salgada para gardar os moluscos, aseos, oficinas para a súa xestión e conexión a rede de saneamento municipal.