Despois do tropezo co Calvo Xiria o equipo de Fran Teixeira confía en superar ós da Louriña no partido que se disputa o sábado en Chapela. Será un encontro de máxima rivalidade e moi competitivo xa que O Porriño só adianta en dous puntos ós redondeláns. Unha vitoria suporía igualados na segunda praza da Primeira Nacional, que da praza para xogar a fase de ascenso.
A segunda volta da liga na Primeira Nacional non comezou ben para os equipos de balonmán de Redondela. Nin o Peguform SAR, moi necesitado de puntos, nin o Paraxe Chapela, nos postos altos da táboa, conseguiron superar ós seus rivais. O único positivo desta volta á competición, no caso do Chapela, é o quen despois de ter acadado a terceira praza na Copa Galicia, na que se proclamou campión o Academia Octavio, que gañou na final ó Frigoríficos do Morrazo . Unha vez máis o Paraxe Chapela situouse entre os tres mellores clubs da comunidade, ó gañar ao Teucro no partido de consolación. En canto á liga da Primeira Nacional, o adestrador Fran Teixeira apunta ó cansazo e as lesións producidas pola competición da Copa Galicia o seu mal resultado en Carballo. O partido, que perderon co Calvo Xiria por 36-27, foi “o peor da temporada” para o técnico, mentres que ós locais saíulles todo ben. Agora o obxectivo é deixar atrás este mal resultado e pensar no seu próximo partido, co Porriño, co que disputarán este sábado un encontro de máxima rivalidade. Os dous conxuntos están moi igualados nesta liga, xa que aínda que os da Louriña son segundos da táboa, tan só adiantan en dous puntos ós redondeláns. Os de Teixeira afrontan este encontro como de “vital importancia”, xa que unha vitoria suporía igualar en puntos ó Porriño e regresar ós postos que dan acceso á fase de ascenso. Un obxectivo que persegue o club de Chapela, logo de dúas temporadas disputando esa promoción.