A decisión de Fomento de aprobar inicialmente o trazado da autovía A-59 era “esperado e desexado” en palabras do edil de urbanismo Emilio González Iglesias quen asegura que menos do 0’5% da poboación vai resultar prexudicada dunha infraestructura que “vai beneficiar ao 80% dos veciños”.
As estradas nacionais que cruzan o territorio redondelán van experimentar unha redución notable no número de vehículos que as empregan e, polo tanto, a poboación vai ver mellorada notablemente a súa calidade de vida. Así o entende o concelleiro de urbanismo, Emilio González Iglesias quen afirma que os beneficios da vía, cuxo trazado foi aprobado onte polo ministerio de Fomento, son “indiscutibles para o 80% da poboación de Redondela, mentres que os prexudicados serán menos do 0’5%”. Insiste o edil en que se trata dunha noticia “esperada e desexada” por parte do goberno local quen sempre defendeu a construcción dunha autovía que afasta definitivamente a pantasma das variantes. Á espera de coñecer as afeccións concretas que provocará no territorio o trazado dos tramos entre Pontevedra e O Viso, O Viso-Arrufana e Arrufana-Peinador-AP-9, o concelleiro lembra que unha alegación presentada conxuntamente por PSOE e BNG permitiu modificar o trazado na zona do Escredo en O Viso e minimizar as afeccións que a infraestrutura plantexaba na zona. Asegura González Iglesias que “como moito expropiarase unha vivenda”. Sobre posibles mobilizacións, xa anunciadas días atrás por colectivos sociais e veciñais das parroquias afectadas, o edil asegura respectar as preocupacións dos afectados pero entende que detrás de posibles protestas tamén se esconden algúns que pretenden “pescar en río revolto”. Fai referencia directamente ao partido Popular quen ao seu entender está intentando “reeditar o acontecido coas variantes, algo que hai catro anos tivo un importante custe electoral para os grupos do goberno local”. A A-59 percorrerá un total de seis municipios e os veciños contan agora con 20 días de prazo para presentar reclamacións. Unha vez resoltas as alegacións e realizada a aprobación definitiva do trazado, Fomento terá as mans libres para licitar os 30 kilómetros da nova autovía.