O goberno galego, a través do seu Conselleiro de Infraestruturas Agustín Hernández, expón a posibilidade de suprimir a peaxe na AP-9 e intercambiala cunha nova taxa que se implantaría na nova autovía A-59 entre Vigo e Pontevedra
A Xunta considera que agora é o momento de adoptar medidas de cara a levantar a peaxe da AP-9 entre Pontevedra e Vigo. A fórmula para lograr a supresión da taxa pasaría por implantala na nova autovía A-59 que unirá as dúas cidades e que Fomento se dispón a licitar nos próximos meses.
O Goberno galego, segundo explicou o Conselleiro Agustín Hernández aos medios de comunicación, deu orde de actualizar un estudo que fora encargado pola Dirección Xeral de Obras Públicas no ano 2005. Trataríase de facer de pagamento a A-59 e a A-57 a cambio da gratuidade da autoestrada.
O estudo do 2005, que incluía unha análise financeira, chegaba á conclusión de que o troco de peaxes entre AP-9 e A-59 era posible. Esta última ofrecería unha opción con menos tráfico aos usuarios a cambio de pagar e a AP-9 tería máis circulación ao ser gratuíta. O cambio de peaxes sería aproveitado ademais para financiar tamén a A-57. Xutamente onte o Ministerio de Fomento anunciou no BOE a aprobación provisional e o expediente de información pública para o inicio de expropiación no trazado desta autovía no tramo A Ermida-Vilaboa, punto no que o vial enlazará coa A-59.