A petición do PP de paralizar o proxecto da A-59 ata que non se resolva un contencioso presentado por Alén Nós ante a Audiencia nacional foi rexeitado por PSOE e BNG. O debate estivo marcado polo ruído que no exterior do Concello facían un cento de veciños que se manifestaban contra a autovía
O ruído foi un dos protagonistas indiscutibles no pleno municipal celebrado na tarde de onte en Redondela. Un cento de veciños “armados” con cacerolas permaneceron durante dúas horas no exterior da casa consistorial facendo soar os seus “instrumentos” para manifestar o seu rexeitamento á construcción da futura autovía A-59 entre Pontevedra e Vigo. Unha cuestión que estivo presente unha vez máis no debate municipal a raíz dunha moción presentada polos populares, quen demandaban ao resto dos grupos apoio para solicitar ao Ministerio de Fomento a “paralización do proxecto en tanto no se dite resolución definitiva pola Audiencia Nacional a un procedemento contencioso administrativo interposto polo colectivo Alén Nós”. PSOE e BNG reiteraron novamente o seu apoio aos plans do Ministerio aínda que nesta ocasión incluíuse no debate un novo elemento, as últimas declaracións do Conselleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, Agustín Hernández, nas que formulaba a posibilidade de suprimir a peaxe na AP-9 e intercambialo por unha taxa na nova autovía Vigo Pontevedra. Carlos Pazos, voceiro do Bloque criticaba a postura do PP por entender que “sería un mazado para Redondela si se acepta a proposta do Conselleiro, xa que suporía condenar ao noso concello a que se faga a variante independentemente do trazado que se elixira para a futura autovía”.O popular Alberto Pazos defendía a proposta do Conselleiro e insistía en que non era incompatible co defendido polo PP redondelán, xa que “Hernández fai referencia nas súas declaracións á conexión por Pazos” e non ao trazado defendido dende Fomento Unha explicación que tampouco convenceu aos socialistas, Emilio González Iglesias insistía na idoneidade do trazado actual “porque beneficiará aos 80% da poboación” e fronte ao argumento do Conselleiro insistía en que a gratuidade na AP-9 colapsaría Rande e obrigaría a facer a ampliación de autoestrada levándose por diante parte de Chapela e Teis. Ampliación de Rande Precisamente a AP-9 foi outra das infraestructuras que centrou o debate na tarde de onte. Tamén os populares presentaron unha moción centrada na oposición á ampliación da autoestrada ao seu paso por Chapela. Propuñan ao concello que se acordase solicitar ao Ministerio de fomento a paralización da execución do proxecto ata que non se teña resolución xudicial sobre a legalidade do mesmo ao carecer do informe de impacto ambiental. PSOE e BNG insistiron no seu rexeitamento a dita ampliación pero negáronse a apoiar a proposta popular alegando que a ambigüedade da mesma abría a porta a que si finalmente a resolución xudicial era favorable ás teses do Ministerio se realizase a obra.