En total son catro os pasos elevados que a administración local solicitou á Subdirección Xeral de Estradas que se situarían á altura do IES Illa de San Simón, nas inmediacións da discoteca La Fábrica, diante do Centro de Saúde e á altura do novo Centro de Día.
O Concello de Redondela solicitou á Subdirección Xeral de Estradas a construción de pasos de peóns elevados na estada da praia a PO-363 no tramo comprendido entre o Instituto Illa de San Simón e o porto de Cesantes.
O primeiro dos pasos de peóns elevados situaríase á altura do IES Illa de San Simón, zona moi transitada por rapaces e persoas maiores ao ser o centro neurálxico dunha zona de servizos de Redondela onde se cubican catro colexios, a gardería infantil, a piscina pública, o pavillón municipal e un centro de formación.
O segundo paso construiríase nas inmediacións da discoteca La Fábrica, onde se atopan, ademais, dous locais moi frecuentados por mozos, o que provoca que sobre todo nas fins de semana haxa unha gran afluencia de rapaces con vehículos, en horario nocturno e a velocidades inadecuadas, o que provocou bastantes atropelos, algún, desgraciadamente, que tivo como resultado a morte dun mozo de 15 anos.
O terceiro paso solicítase que se sitúe diante do Centro de Saúde mentres que o último dos pasos ubicaríase á altura do Centro de Día que se está a construír na baixada cara ao peirao, xa que se prevé que a zona vai estar moi concorrida por persoas de idade, moitas delas con dificultades de mobilidade, o que fai necesario que os vehículos circulen a menor velocidade.