O Porrón pecha as súas portas por xubilación do seu alma mater Enrique Tuche logo de 27 anos ao fronte do local. Un camiño no que foi fundamental o apoio da familia e tamén o agradecemento mostrado por moitos clientes “sobre todo de fora, porque ninguén é profeta na súa terra”.
A piques xa de pechar, Enrique Tuche lembra con emoción os 27 anos ao fronte dun local que marcou unha época no centro da vila e polo que pasaron centos de peregrinos no seu camiño a Santiago como o testemuñan as ducias de postais que aínda se poden ver sobre a barra do local. Toda unha vida dedicada á hostalería dende os seus inicios na emigración no estado de Bahia no Brasil e posteriormente xa en Redondela, primeiro ao fronte do bar Stop e xa dende o 1983 xestionando o Bar O Porrón. Un dos momentos máis significativos que lembra Enrique foi cando xunto a outros hostaleiros da vila – Manolo de Casa Paco e Carlos o do Stop- puxeron en marcha a festa do Choco, un evento gastronómico consolidado na actualidade pero que naceu no ano 87 polo entusiasmo destes veciños que asumiron un risco económico importante. Pero se algo lembra con emoción é o contacto cos clientes e saber que moitos turistas e peregrinos que pasaron polo local aínda se lembran dos chocos ou das empanadas desgustadas nas súas mesas. Anécdotas ten moitas, unha das máis recentes a de uns xaponeses que non dubidaron en comer uns chinchos e unhas fanecas ao estilo “sushi”, isto é, sen cociñalos previamente.