Os veciños da estrada que une Redondela co aeroporto de Peinador levan anos denunciando a situación de inseguridade viaria que padecen. O elevado volume de tráfico, con moitos camións, e a falta de beirarrúas, fai que desprazarse a pé por ela sexa “un verdadeiro perigo”, sobre todo en zonas moi estreitas, como na Rabadeira. A Concellaría de Tráfico asegura que existe un compromiso do Ministerio para construír beirarrúas na N-555, e os veciños agardan que esta promesa se traduza “en feitos”.
Calquera que camiñe a pé uns metros pola estrada N-555, que une Redondela co aeroporto de Peinador, pode experimentar en primeira persoa o perigoso que resulta. Trátase dunha estrada cun elevado volume de tráfico, entre o que destaca a presenza de camións de gran tonelaxe, sobre todo desde o inicio das obras dos túneles do AVE. Como problema engadido en moitos tramos é moi estreita, con cambios de rasante e curvas. E o máis perigoso, sen beirarrúas para que os peóns poidan transitar por ela. En moitos tramos nin sequera hai espazo suficiente entre a superficie rodada que ocupan os vehículos e os muros que limitan a estrada para que pase un peón. Un problema que sofren desde hai décadas os veciños, sobre todo no tramo que atravesa a parroquia de Cedeira. Pero tamén no tramo que pertencen aínda ó casco urbano, na Rabadeira (Vilavella), onde existe unha curva moi perigosa e estreita. Alí “nin sequera poden pasar dous camións á vez” como denuncia Ramiro, un dos veciños afectados. Os residentes da zona entenden que a solución a este problema é complicada, xa que non hai espazo onde facer as beirarrúas, polo que habería que retranquear algúns muros. Con todo, insisten en que é unha cuestión de vontade política. Veciños como Ana e Ángel, un matrimonio da zona, denuncian que xa foron moitas as promesas de que se melloraría a estrada, e lamentan que “ninguén fai nada”. Unha das veciñas afectadas, Pilar, explica que para ela supón “un risco constante” ter que desprazarse a pé ó centro de Redondela, a escasos metros da súa vivenda, polo perigo que supón o tráfico. Igual que o resto de residentes na zona, demanda unha solución, e mesmo se ofrece a ceder uns metros dunha leira que posúe na beira da estrada para que se habilite para o paso de peóns. A resposta por parte da Concellería de Tráfico é que xa existe un compromiso do Ministerio de Fomento para construír beirarrúas na N-555. Unha medida incluída no estudo de mellora do trazado da estrada. Agora os veciños agardan que o compromiso se cumpra.