O candidato popular Javier Bas critica ao seu rival Eduardo Reguera por negarse “unha e outra vez” a explicar o seu traballo ante a corporación a pesar das reiteradas comparecencias solicitas por parte da oposición.
A última negativa, tal e como subliñan os populares, producíase no pleno ordinario do pasado 23 de febreiro. O PP presentou ata un total de cinco solicitudes de comparecencia, catro das cales afectaban a Reguera como edil de Cultura pero tamén como responsable do departamento de Patrimonio e Facenda. Así entre outras cuestións, os populares solicitaban que o concelleiro socialista dera explicacións sobre a situación actual das obras do novo auditorio e sobre cal é o futuro inmediato de dito proxecto. Tamén se lle reclamarán explicacións sobre a fonte piramidal que estaba previsto instalar na praza de Ribadavia e para cuxa adquisición se tiña destinado unha partida de 54.000 euros pese ao cal o goberno local decidiu dar marcha atrás e renunciar ao proxecto. Dende o PSOE, o seu voceiro, Emilio González Iglesias, solicitaba que ambos os dous asuntos quedaran sobre a mesa por entender que debía ser o propio alcalde, Xaime Rei – ausente da sesión- quen dera explicacións “por telos xestionado directamente”. Unha petición que os populares rexeitaban, argumentando que ambos os dous asuntos son responsabilidade de Reguera e que por tanto debería ser este edil quen ofrecera explicacións ao cidadáns. O popular Alberto Pazos, criticaba que “Reguera se agochase baixo as saias do voceiro socialista”, aínda que a continuación pedía desculpas logo da chamada de atención do alcalde en funcións, Carlos Pazos. Finalmente ditas comparecencias non se producían ao votar en contra PSOE e BNG algo que dende o PP cualifican de “inaceptable” por negárselles aos cidadáns “dentro do órgano de máxima representación municipal información acerca de asuntos que lle repercuten directamente”.