Axentes da policía local procederon na mañá de hoxe a precintar novamente varias das instalacións que a empresa Hormigones Vigo ten na parroquia de Vilar de Infesta. Unha medida que se ten demostrado pouco eficiente xa que días despois de cada intervención policial a empresa retira o precinto e retoma a actividade con normalidade.
A Policía Local de Redondela acudiu na mañá de hoxe e por décima vez nos últimos dous anos a precintar por orden da alcaldía parte da fábrica de formigóns de Vilar de infesta. O precinto de diferentes elementos da empresa ten sido reiterado por parte dos axentes da policía, pero a medida ten pouco efecto xa que os propietarios de Hormigones Vigo retiran os precintos e continúan coa actividade.
En concreto trátase do reprecintado de tres instalacións: unha mesturadora de formigón, un taller de 93 metros cadrados e unha edificación para a instalación de equipos cunha superficie de 89 metros cadrados, cuxas licencias están en fase de tramitación.
O último precinto das instalacións foi en xaneiro deste mesmo ano, pero os propietarios da empresa retiráronos para continuar coa actividade, actitude que podería ser constitutiva de delito.