Os actores Melania Cruz e Josito Porto dan vida aos comediantes que se ven obrigado a actuar para as tropas nacionais en plena Guerra Civil. Unha traxicomedia que se poderá ver este sábado no auditorio de A Xunqueira.
Baseada na obra de José Sanchís Sinisterra chega a Redondela a adaptación de Ai Carmela da man da compañía Teatro de Adro. Unha historia que nos leva ao inverno do ano 1938. En Galicia dous cómicos, Carmela e Paulino, interpretados polos actores Melania Cruz e Josito Porto, son arrestados polo bando nacional e obrigados a realizar unha función para celebrar a vitoria na batalla do Ebro ante un público onde están presentes varios mozos condenados a morte. Unha dramática historia non exenta de momentos cómicos que farán sorrir ao público ante as situacións absurdas que se desenvolverán enriba do escenario. Un espectáculo de pequeno formato no que a música en directo terá unha importancia determinantes, tanto polas interpretacións dos propios actores como polo acordeón de Sabela Dacal. A representación será o sábado ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira dentro do programa do Teatrarte.