Os populares argumentan a súa postura alegando que o manifesto elaborado pola Concellería de Igualdade “non representa ás mulleres de Redondela senón as posturas ideolóxicas do bipartito local atacando ao goberno autonómico”
O Partido Popular rexeitou apoiar o manifesto elaborado co gallo do Día Internacional de Muller pola Concellería de Igualdade ao considerar que o seu contido “é en exclusiva un ataque ao goberno autonómico do PP”.
A secretaria de comunicación do PP local, Teresa París explica que no corpo do manifesto existen referencias ao risco de involución dos dereitos da muller que estamos a vivir, unha interpretación da realidade que cualifica de “moi sesgada” tendo en conta que “o cambio hai xa décadas que se produciu e ademais é imparable”.
Critican que se empregue o manifesto para solicitar que se retire a lei de Familia que ven de ser aprobada pola Xunta e que se reclamen maiores axudas de violencia de xénero cando o goberno galego “segue mantendo as partidas, sen recorte algún, con este fin”
Aproveita o PP local para subliñar que a Concellería de igualdade demanda incrementos nas partidas procedentes da xunta mentres as partidas que o Concello destina para axudar a estas mulleres e ás súas familias non medraron e tampouco se incrementaron as que proceden do goberno central.
Finalmente dende o PP expresan o seu compromiso en “coidar que os dereitos das mulleres continúen a ser tratados positivamente” pero rexeitan asinar o documento porque dende o seu punto de vista o mesmo non supón “un apoio á muller, senón o apoio a unha lista de cuestións que politicamente consideran correctas os membros do Goberno local para articular peticións que lles rendan fronte os seus partidarios”.