Na recta final da Liga de Autonómica Sur, os de Manoliño precisan sumar puntos que eviten o descenso. Na penúltima praza da táboa a salvación aínda é posible, pero todo pasa pola resposta que dea o equipo nos seis partidos que restan. Algúns con rivais de máxima entidade, como o deste sábado na pista do Erichkrause.
Ata que remate a liga no mes de Maio ó F.S. Redondela quédanlle por diante seis finais para acadar a salvación. Os de Manoliño acumulan unha mala racha de resultados que os deixan na penúltima praza da clasificación, logo de perder o sábado no Porriño co Opel Fimauto. O técnico confía en que “aínda quedan opcións para salvarse”, pero cada semana que pasa o final de liga faise máis costa arriba. A esta situación hai que engadir o lastre que acumula o conxunto redondelán a nivel físico, con lesións e unha sobrecarga importante para algúns xogadores que acumulan moitos partidos. No club modificaron o esquema de adestramentos e descansos, para tentar mellorar a situación. Manoliño agarda que os cambios “sirvan para recuperar a algúns xogadores importantes” de cara á última fase ligueira. Outro dos problemas ós que se enfronta o equipo é o calendario, que lles reserva citas con equipos da parte alta da táboa. É o caso deste sábado, cando se terán que desprazar a Mos para xogar co Erichkrause, un dos equipos fortes desta liga e actualmente terceiro clasificado. Con todo, Manoliño confía en acadar un resultado positivo, xa que os da Louriña non se xogan nada nesta fase, ó estar descartado o ascenso. O técnico lembra tamén que o equipo de Redondela está a obter “mellores resultados cos equipos grandes que cos máis febles”, e lembra a remontada fronte ó lider, o Pazos, na primeira volta. Precisamente co líder terán que medirse tamén na recta final da liga, será o 16 de abril.