Un total de 14 espectáculos procedentes de lugares tan dispares como Francia, Alemaña, India, Rusia, Portugal, Andalucia ou Galicia participarán na XII edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela que se celebra entre os días 24 e 29 de maio. A organización agarda arredor de 35.000 asistentes.
De novo as rúas, prazas e xardíns redondeláns servirán de escenario para artistas, músicos e titiriteiros das máis variadas procedencias. Ademais, como novidade deste ano hai que salientar a recuperación da programación escolar con catro función en Redondela e dúas en Chapela. Obras que permitirán a 1.500 rapaces achegarse aos espectáculos de monicreques dentro da programación escolar. Un ano marcado ademais pola dificultade de cadrar unhas datas afectadas de cheo polo calendario electoral. Pospoñer unha semana o festival impide a presenza dun maior número de grupos internacionais, aínda que non faltarán compañías procedentes de Francia, Portugal, Alemaña, India e Rusia. Participarán tamén compañías de Andalucía, Pais Vasco, Cantabria, Aragón, Cataluña, Madrid e Galicia que achegarán de novo a Redondela as marionetas de fíos, os monicreques tradicionais, as vangardas máis creativas, xogos participativos, animación de rúa e unha chea de sorpresas. Moi difícil entre todas elas escoller unha única proposta pero o director do festival reconméndanos non perdernos as citas do sábado. Haberá ademais actividades alternativas como o concurso de títeres que organiza o local a tenda de Candelaria ou a exposición fotográfica “Retrato dun titiriteiro” de Pelu Vidal que se poderá visitar no Multiusos da Xunqueira entre o 24 de maio e o 8 de xuño.