O goberno entrante deberá rebaixar as pretensións recollidas nas actuais bases de adxudicación para animar as empresas a optar á xestión do Centro de deportes acuáticos de Chapela. O PP critica a xestión realizada polo goberno local e o PSOE asegura que existe “un plan B” que xa contemplaba alternativas no caso de que o concurso quedara deserto.
A única empresa que se presentou ao concurso non cumpría o prego de condicións aprobado pola corporación. Unhas bases nas que se contemplaba que a empresa adxudicataria do servizo se faría cargo da concesión por un período de 40 anos pero a cambio tiña que asumir un investimento de dous millóns de euros para rematar as obras coa urbanización do espazo exterior, a construcción do “spa” e a cafetería así como a adquisición da maquinaria das instalación e do ximnasio. Unhas condicións que parece non son atractivas xa que tan só unha empresa se presentou ao concurso, Movexvial, e non cumpría os requisitos, polo que a corporación, coa abstención do PP, acordou no pleno extraordinario celebrado na mañá de hoxe declarar deserto o proceso de adxudicación. Deberá ser agora o novo goberno, resultante das eleccións do domingo, quen refaga o prego de condicións e sente unhas novas bases que fagan posible a adxudicación do centro de deportes acuáticos. O concelleiro de asuntos económicos, Emilio González Iglesias, aseguraba que este contratempo non impedirá que os veciños de Chapela poidan gozar das instalación, xa que segundo asegurou existe un plan B que permitirá que os usuarios usen a piscina en breve. Pola contra dende o PP o voceiro Alberto Pazos aseguraba que dende o seu grupo xa se advertira desta posibilidade porque “era moi arriscado xogar todo o Plan E a unha única carta”. Criticaba que o goberno local deixase agora o problema en mans do futuro goberno. O nacionalista Carlos Pazos falaba de “acto de responsabilidade” xa que a decisión de levar este asunto a un pleno extraordinario no último día de mandato antes das eleccións responde a que deste xeito se facilita que o goberno entrante poderá comezar a traballar de inmediato no novo proceso de concesión do servizo.