A Liga Galega de Traiñeiras comezou cun claro favorito, Amegrove, que ata o de agora gañou as cinco regatas disputadas. O club redondelán é o único que está a facerlle sombra, acadando a segunda praza en todas as probas. E en Arealonga non se renden, queda moita liga por diante e están dispostos a dar a batalla e facerse con algunha das doce bandeiras en xogo. As próximas citas esta fin de semana serán en Poio e Vigo.
Tal e como auguraban todos os prognósticos, a embarcación de Amegrove é o gran rival a bater nesta Liga Galega de Traiñeiras 2011. Así o demostraron os de Portomeloxo nas cinco regatas disputadas desde que comezou a competición oficial impoñéndose con claridade en todas elas. E tan só hai un club capaz de seguirlles o ritmo, Chapela, que ata o de agora se fixe coa segunda praza en todas as probas disputadas nesta liga. Desde o club redondelán recoñecen a superioridade dos do Grove, pero confían en poder arrebatarlles algún triunfo no que resta de liga, xa que aínda hai unha ducia de regatas en xogo. Julio Prado, vicepresidente de CR Chapela, asegura que porán da súa parte “todo o traballo e o esforzo” para tentar conseguilo. E as próximas citas serán en augas pontevedresas. O sábado coa Bandeira Concello de Poio, ás 17.30 horas, e o domingo coa Bandeira Concello de Vigo, ás 11.30. Prado fala con especial interese da cita viguesa, que preparan “con toda a ilusión”, xa que este ano se vai disputar en Coruxo, na praia do Vao. Curso de verán No club celebran tamén este verán unha nova edición do Curso de Verán de Remo, no que participan máis de 40 rapaces e rapazas a partires dos 8 anos de idade. Unha actividade que se prolonga os meses de xullo e agosto e na que os rapaces se achegan ó mundo do remo dun xeito “lúdico e divertido”. Julio Prado explica que se trata ademais dun xeito de fomentar a canteira, xa que moitos destes mozos e mozas pasan a formar parte das bases do club, que actualmente conta con máis dun cento de membros en todas as categorías.