Esta fin de semana Redondela entrégase “ao maior espectáculo do Mundo”. O grupo de títeres presenta o sábado un libro conmemorativo editado por Kalandraka e un documental realizado por Cuchi Carreira. O domingo representarán dúas funcións de Titiricircus na Casa da Torre, unha obra “que non pasa de moda”e que logo de máis de 1.000 funcións segue emocionando.
O sábado presentarán o libro Titiricircus editado por Kalandraka e o documental sobre os 25 anos da obra gravado e producido por Cuchi Carreira. O domingo representarán a obra en dous pases e pecharán o aniversario con música no Multiusos da Xunqueira. Representada en máis de mil ocasións, en escenarios de todo o mundo, Titiricircus é a sétima obra da compañía de Eduardo Rodríguez ‘Tatán’, Miguel Borines e Andrés Giráldez. As celebracións desta fin de semana son, segundo explica Tatán “unha merecida homenaxe a esta obra”, buque insignia da compañía que queren “seguir mimando”. A obra estreouse por primeira vez en Austria en 1987 e dende aquela recorreu medio mundo. Varias xeracións de nenos e nenas gozaron desde aquela desta emotiva historia sobre o circo e as marionetas. Andrés Girández sinala que, malia que pasaron os anos, aos rapaces de hoxe a historia “entusiásmalles igual que aos de hai 25 anos”, porque é unha historia “que non pasa de moda”. O álbum que se presenta na Xunqueira, editado por Kalandraka, está ilustrado polo redondelán Pablo Pastor, que formou parte de Tanxarina nos seus inicios e que ulitizou diversas técnicas para este traballo. Desde Tanxarina salientan tamén a implicación de Kalandraka “cun traballo moi coidado” por parte da editorial, segundo explica Miguel Borines. A presentación será o sábado no Multiusos da Xunqueira a partir das 19:30 horas. O domingo Tanxarina representará a obra na Praza da Casa da Torre ás 12:30 e 20:00 horas, e no caso de choiva trasladarase ó Multiusos. Nese auditorio pecharanse as actividades con música do grupo “Os Croquetas” e pinchos elaborados por Paqui & Fon.