Unha actividade organizada pola Asociación Cultural Alén Nós que se desenvolverá na Casa da Cultura ás 20:30 horas coincidindo coa conmemoración do Día da Clase Obreira Galega. No libro, o historiador fai un repaso, a través de entrevistas cos seus protagonistas, das importantes mobilizacións que se viviron durante unha década en Vigo e que supuxeron o triunfo da clase obreira. Unhas protestas cunha elevada compoñente solidaria e de resistencia, pero moi pouco documentadas.
“Dende o noso punto de vista na Folga Xeral de 1972 cristalizan en Vigo todas as experiencias de loita, de debate interno, de agrupamento e segregación que o movemento obreiro vigués viña de desenvolver dende 1962. Isto é, os sucesivos episodios de mobilización e reagrupamento desembocan na gran mobilización de 1972. ” Con estas palabras sintetízase toda unha década de protestas e solidariedade entre os traballadores vigueses. Unhas folgas obreiras na década que vai do 1962 ao 1972 e que marcaron todo un fito na loita obreira en Vigo e contorna. Malia relevancia destas mobilizacións, non existe practicamente información ao respecto. Por unha banda os propios medios de comunicación da época, ao servizo do franquismo, ocultaron o acontecido ou ofreceron unha información sesgada. Pero tampouco co pasos dos anos prestóuselle a ese período a atención que merecía. Así o entende o autor do libro Isidro Román Lago, quen se embarcou no proxecto por encargo da editorial xa desaparecida Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo, pero que consonte foi avanzando nas pescudas e falando cos seus protagonistas decatouse da relevancia do acontecido neses anos na loita obreira “que puxo de manifesto a solidariedade dos traballadores, a resistencia e o triunfo dos seus episodios de loita por conseguir melloras sociais e laborais nos últimos anos do franquismo”. Numerosas entrevistas aos propios protagonistas das mobilizacións e algunha ausencia importante que declinou calquera tipo de declaración “quizais por temor a que as súas palabras foran manipuladas” que serven para lembrar un período histórico que dista e moito do actual ao dar conta da “solidariedade” que marcaba todos os conflitos e da propia perigosidade dos mesmos para os folguistas. “Malia seren as melloras laborais as que marcan as protestas obreiras tanto agora como no pasado -explica Román Lago- a compoñente solidaria e de resistencia era moito maior catro décadas atrás, algo que permitiu aos manifestantes lograr naquel momentos os seus obxectivos”.