A Concellería de Medio Ambiente recibiu un total de 19 solicitudes para a celebración das tradicionais fogueiras de San Xoán na noite do venres. Unha celebración que se espallará por todas as parroquias. As máis modestas prenderán a tradicional fogueira nunha noite marcada polo lume, as máis ambiciosas convidan aos veciños e visitantes a sardiñas e viño e completan o programa con música e actividades paralelas. Dende a Concellería lembran a necesidade de extremar as precaucións neste ano “hoxe e mañá o índice de risco de incendio é extremo”. Por ese motivo anuncian que fará un maior control de todas as cacharelas que se prevén prender o vindeiro día 23.
As celebracións son numerosas e espállanse por todo o concello. Así, no Círculo Cultural deportivo de Cesantes organizan unha fogueira na coñecida como curva morta, na N-550. Unha festa que arrancará ás 20:30 horas con comida e bebida a prezos populares, fogueira e queimada a partir da medianoite. Este ano fan coincidir a celebración na noite do venres coa VIII edición do festival Folk Illa de San Simón que contará coa actuación do grupo Airiños da Peneda e Virandeira Folk.
Por outra banda, a Asociación Deportiva e Cultural de Rande celebra esta festa a partir das 20:30 horas cunha sardiñada pan e viño para todos os asistentes. Unha noite de san Xoán na que non faltará a queimada.
Por último, e enmarcada dentro das festas de Cabeiro, tamén esta parroquia convida aos veciños a participar da gran sardiñada acompañada de viño que se celebrará no campo da festa desta parroquia a partir das oito da tarde de mañá. Haberá verbena ás 23:00 horas amenizada polo grupo Israel e DLider e unha hora despois prenderase a fogueira.
Unhas celebracións que nesta parroquia prolongaranse durante o sábado e domingo.