A festa amplíase este ano cun desembarco na Praia da Punta o venres ás 20:00 horas e unha mesa redonda o xoves na Casa da Cultura na que diferentes expertos falarán das investigación existentes en torno ao combate naval librado na ría no ano 1702. O día grande será o sábado con actividades durante toda a xornada nas inmediacións do Centro de Interpretación da Batalla-Meirande. A festa contará coa participación de 120 figurantes. O Concello comprométese coa Asociación Deportiva e Cultural de Rande a financiar as actividades previstas pechado así a polémica en torno a achega económica comprometida pola Concellería de Cultura para o evento.
A festa que organiza a Asociación e o Concello para conmemorar a batalla que enfrontou ás escuadras anglo-holandesa e hispano-francesa amplía este ano os seus escenarios, sendo a Praia da Punta en Cesantes, un dos espazos elixidos para o evento. Será na tarde noite do venres cando os 120 figurantes vestidos de época se acheguen a ese areal para facer unha recreación do desembarco da prata de indias e o ataque das tropas inimigas. Unha recreación que suporá un adianto da “cruel batalla” que se librará na xornada do sábado xa nas inmediacións do Meirande, segundo explicaba dende a Asociación Juanjo Comesaña. Durante todo o día 21 hai preparado un intenso programa que arrancará ás 10:00 horas con visitas ao propio museo, obradoiros e postos de artesanía así como a posibilidade para todo aquel que o desexe de xantar no lugar a un prezo de 19 euros. As teatralizacións da batalla por parte dos veciños e o grupo Escuadra 17 arrancarán coa chegada das embarcacións tradicionais que se concentrarán no Meirande ás 12:00 horas e repetiranse pola tarde. Como novidade tamén se espera contar con animación para os nenos co obxecto de que a xornada se converta nun día de festa para todas as idades. Xa pola noite, haberá unha recreación da batalla no mar e tirada de fogos de artificio, o que suporá o fin de festa. Unha conmemoración marcada este ano pola polémica en torno ao seu financiamento, logo de que quedara no aire o orzamento que o concello tiña previsto achegar aos seus organizadores. Finalmente, malia que será menor que na edición anterior, tanto a Asociación como a propia Concelleira de Cultura prefiren pechar o asunto adiantando que para evitar problemas de últimas hora en vindeiras edicións asinarase un convenio co colectivo organizador que asegure o seu financiamento. Mesa Redonda Para completar o programa o xoves ás 19:00 horas na Casa da Cultura terá lugar unha mesa redonda que contará coas intervencións de expertos na Batalla como son o historiador e arqueólogo submariño Ramón Patiño, o director do Museo do Mar de Vigo, Vicente Caramés e Xosé Martín Crespo, asesor científico do Meirande.