Galicia botouse onte á rúa para protestar contra os incendios que nas últimas horas calcinaron os montes da comunidade e que afectaron con especial forza a nosa contorna e todo o sur de Pontevedra. Milleiros de cidadáns concentráronse en diferentes mobilizacións nas setes grandes ciudades pero tamén en vilas como a nosa, onde un cento de persoas se congregaron na praza do Concello para amosar a súa repulsa contra os incendiarios, contras as políticas de abandono do rural e contra o que cualificaron de nefasta xestión dos montes así como da situación provocada polos lumes por parte do goberno da Xunta.
“Lamentamos as vítimas mortais en Galicia e Portugal” así arrancaba o manifesto que onte se podía escoitar en toda Galicia e tamén en Redondela, onde os paraugas e a chuvia, tan necesaria nas últimas horas, foi compañeira da mobilización que congregou en Redondela a un cento de veciños. Milleiros de persoas foron as que saíron a rúa en diferentes cidades e vilas de Galicia convocados pola Comité en Defensa do Monte Galego e secundadas por todos os grupos da oposición a nivel autonómico, sindicatos e colectivos sociais. Escoitáronse berros de “Feijoo dimisión” e “Lumes Nunca máis” ao finalizar a lectura dun manifesto no que se falaba das causas que están detrás desta catástrofe “as políticas de abandono do rural promovidas polo PP e a aucaliptización dos montes ademais da ausencia de políticas de prevención que manteñan limpos os montes”. Engadían os convocantes que a administración amosou a súa incompetencias para xestionar a situación “marcada pola falta de previsión ante unha situación meteorolóxica que se coñecía previamente”. Noutras concentracións semellantes como en Vigo os organizadores cifran en tres mil as persoas reunidas fronte al Museo MARCO para logo marchar por Colón cara a Xunta, onde se escoitaron berros de “Feijóo e Rajoy dimisión”. En Ourense foron uns 4.000 veciños os que se mobilizaron contras os incendiarios e para reclamar unha nova lexislación forestal .