Veciños de ambos os dous colectivos acompañados de representantes políticos demandaban cunha concentración na zona das Torres de Padín a conversión en tramo urbano deste tramo da autoestrada e reclamaron unha vez máis a supresión da peaxe dende Redondela para aliviar o tráfico pola parroquia de Chapela e o barrio de Teis.
A petición das asociacións de veciños de Chapela e Teis, que se unen nesta protesta, pasa por reclamar a conversión da autoestrada AP-9 en vía urbana dende a zona coñecida como Torres de Padín e non só dende a rúa Buenos Aires. A transformación en travesía urbana do último tramo da autoestrada é unha vella demanda que conta ademais co apoio de diferentes grupos políticos.
A outra demanda que mobilizaba hoxe os veciños é reclamar, unha vez máis, a supresión da peaxe dende Redondela, o que serviría para liberar de tráfico tanto a Chapela como a Teis, zona que acumulan un importante volume de vehículos. O Presidente da Asociación de veciños de Chapela, Marcial Pérez aproveitou a concentracion para reclamar a convocatoria da Comisión de seguimento das obras da AP-9, que leva meses sen se reunir.