O goberno local de Pazos de Borbén publicou un bando instando aos afectados a realizar esta valoración co que se pretende axilizar os trámites administrativos para que todos os veciños afectados poidan solicitar en tempo e forma as prestacións convocadas pola Xunta. Aconsellan que se realicen fotos das propiedades queimadas e os danos producidos polo lume e se garden facturas de calquera actuación de reparación.
A iniciativa pretende axilizar ao máximo os trámites para solicitar estas prestacións para que cando sexan publicadas no DOG, os veciños conten con gran parte da documentación lista para a súa presentación. As axudas previstas están destinadas aos danos orixinados polos incendios en casas e inmobles, establecementos comerciais, valados e complementos, hórreos, pozos, cultivos.
Desde o Concello aconsellan que todos os afectados comecen a realizar unha reportaxe fotográfica de todos os danos sufridos, facturas, presupostos de reparación, xustificantes e comprobantes bancarios e todo o que poida acreditar o importe e titularidade dos bens danados.
Do mesmo xeito, desde o goberno local aconsellan realizar copias de todo este material e ir entregándoa nas oficinas municipais para comezar canto antes a avaliación de danos e a correcta tramitación das axudas cando sexan convocadas.