As persoas interesadas en participar desta festa tradicional que cada primeiro de maio celebra a primavera coas máis variadas e sorprendentes esculturas vexetais teñen de prazo ata o vindeiro 19 de abril para se inscribir. Cada Maio participante, que deberá estar elaborado con produtos vexetais, contará cunha subvención pro participar de 80 euros. Repartiranse 2.400 en premios, sendo o primeiro de cada categoría de 250€, o segundo de 200€ e o terceiro de 150 euros.
Na categoría de maio tradicional poderán participar os construídos con forma cónica ou de cruceiro a partir de materiais vexetais (especialmente fiúncho, pampullo, peonias, laranxas e flores diversas) e técnicas construtivas mecánicas non sintéticas. O resto das formas concorrerán na categoría de maio artístico.
As coplas deberán estar escritas en lingua galega e será imprescindible que cada maio conte, como mínimo, con catorce coplas das que seis serán interpretadas diante do xurado.
Non serán admitidos a concurso aqueles maios con coplas que atenten contra as máis elementais normas de civismo e respecto á honra e dignidade das persoas.
Na avaliación das coplas terase en conta a retranca, o enxeño, o ritmo e a linguaxe utilizados, sendo penalizado o uso de palabras malsoantes e ofensivas. Na interpretación valorarase a posta en escena, a sincronización, a afinación das voces, a utilización de elementos de acompañamento (paus, caxatos etc.) e o uso das prendas que estean de acordo co modelo tradicional (boina, camisa branca e pantalón con remendos).