Gran actuación dos equipos galegos no campionato estatal disputado onte en augas de Meira, Moaña. Levaron dúas bandeiras, a de Mecos en infantil masculino e Cabo da Cruz encadete masculino. Houbo outras sete medallas que conforman un gran palmarés, e Chapela acabou en cuarta posición na categoría xuvenil feminina.
Galicia sumou cinco pratas: Tirán (promesa feminino); Vilaxoán (xuvenil feminino); Náutico Ribeira (absoluto feminino); Poboa (infantil masculino) e Samertolaméu (xuvenil masculino) e dous bronces: Rianxo (promesa feminino) e Mar de Bueu (cadete masculino). Os equipos do País Vasco, Koxtape e Zierbena, sumaron dous títulos cada un e Kaiku outro, ademais de dúas medallas de prata Bermeo e Itxasoko Ama; e Tolosa, Hibaika, Bermeo, e Orio unha de bronce, ademais do cántabro Estaleiro, tamén bronce. As bandeiras das tres categorías femininas conquistáronas as atletas de Koxtape que levaron dúas: xuvenil e absoluta e Kaiku en promesa. As mozas galegas foron segundas e terceiras en promesa feminino conquistando as medallas de prata a S.D. Tirán, a só un segundo das campioas, e a de bronce o Club Remo Rianxo. Vila de Cangas foi cuarta. Nesta final de promesas, Orio foi o primeiro na meta, pero por mor dunha errada manobra na virada, molestando a outro equipo, foi descualificado. E na categoría xuvenil feminino as mozas de Vilaxoán loitaron ata o límite e conquistaron unha medalla de prata que sabe a ouro, porque Koxtape mostrouse inalcanzable. Chapela e Poboa foron cuartas e quintas. E o mesmo na categoría absoluta mulleres. As atletas do Club Remo Náutico de Ribeira, medalla de prata, estiveron a un gran nivel, pero tamén as vascas de Koxtape foron inalcanzables. Mecos e Vilaxoán entraron cuartas e quintas.
Traineriñas
Rematada a temporada de bateis, e sen tempo de descanso, mañá arranca en Vilaxoán o calendario galego de traneriñas. Na fin de semana haberá dobre cita, en Coruxo e no Grove.