A mellora integral do paseo da Punta, en Cesantes, a eliminación das barreiras arquitectónicas e un transporte público máis eficaz nas parroquias. Son algunhas das suxerencias dos veciños para que o Concello invista o 1,6 millóns de euros de remanente neste 2018. Dotar de herba artificial o campo de fútbol do Viso ou restaurar as antigas casas dos mestres para fins sociais son outras das propostas.
Actualmente o Concello de Redondela conta cun remanente de 1,6 millóns de euros, cartos que poderá investir en diferentes obras ou actuacións necesarias para o municipio. Desde a Agruapción de Electores de Redondela propuxeron diferentes actuacións, como a recuperación da zona das Telleiras, a creación dunha senda no río Pugariño, a mellora do paseo da praia de Cesantes, a eliminación de barreiras arquitectónicas e un plan de mobilidade para as parroquias, entre outras. Desde o PP avogan por outros investimentos, como instalación dunha casa da cultura para Quintela, a adaptación do colexio de Trasmañó para uso veciñal, un parque infantil con pista de patinaxe en Ventosela e a humanización da Pantalla en Cesantes, entre outras cuestións. No que coinciden os dous partidos políticos é na reforma do campo de fútbol do Viso, actualmente de terra, e que se dotaría de herba artificial. E que opinan os veciños de Redondela? Pois hai propostas de todo tipo, e non coinciden necesariamente coas que anunciaron os partidos políticos. Algúns, como Óscar, entenden que é “moi difícil contentar a todos”, e sinala que o máis xusto sería repartir eses cartos en obras de mellora “tanto no centro da vila como nas parroquias”. Precisamente para mellorar a vida dos veciños das parroquias, hai quen apoia a proposta de AER dun plan de mobilidade interparroquial, que mellore o transporte público entre o centro de Redondela e as diferentes parroquias do municipio “con horarios máis flexibles”. A reforma do entorno da praia da Punta en Cesantes, cunha mellora do paseo e os accesos, é outra das necesidades que valoran os veciños “tanto para disfrute dos residentes no municipio como dos turistas”. Mari entende que sería necesario mellorar a limpeza nalgunhas zonas e acondicionar o entorno. Tamén Erika considera necesaria a mellora integral na zona da praia, ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas “para permitir a mobilidade das persoas en cadeiras de rodas”. Os veciños tamén comparten a necesidade dunha reforma integral no campo de fútbol do Viso, cuxos terreos vén de ceder ao Concello a Comunidade de Montes. Mari e Sabino entenden que sería necesario dotalo de herba artificial e facer unhas instalacións municipais “en boas condicións” para fomentar o deporte, sobre todo nas categorías base. Outra proposta veciñal é o acondicionamento das antigas casas dos mestres, en Santa Mariña, para crear vivendas sociais que poderían ser utilizadas por familias con necesidades ou en casos de emerxencia social.