Os traballos de urbanización arrancaron esta semana e buscan dotar de servizos ao centro escolar ademais de instalar as novas beirarrúas e, como medida de seguridade viaria, un terceiro carril na EP-2908 para facilitar a saída e acceso ao instituto. A obra conta cun orzamento de 236.680,74 euros que se financiarán exclusivamente con fondos municipais. Unha senda peonil unirá os dous centros educativos do Concello.
A principal finalidade dos traballos é a de dotar ao novo centro dos accesos necesarios para garantir a maior confortabilidad dos usuarios e a seguridade viaria dos estudantes e veciños da zona. Para iso, instalarase unha nova beirarrúa na parte frontal do instituto de case 100 metros de longo e un ancho mínimo de 2,5 metros. A superficie desta nova beirarrúa será de formigón puído para facilitar a integración visual do conxunto coa senda peonil que se comezará a construír nas próximas semanas e que unirá os dous principais centros de estudo público do municipio, o CPI Padín Truiteiro e o novo instituto de educación secundaria.
Do mesmo xeito, a estrada verá ampliada a superficie da calzada nas inmediacións do centro mediante a creación dun terceiro carril intermedio para facilitar o acceso e saída do centro escolar. Ademais, instalaranse varias prazas de aparcadoiro de 2,5 metros de ancho que darán servizo a todos os usuarios do instituto.
Ademais, con esta actuación dotarase ao novo centro de ensino público dos servizos necesarios para o seu funcionamento, como son as redes eléctrica, de telefonía, de abastecemento e de saneamento.