O Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, acompañado por técnicos de Augas de Galicia e dous inspectores do Servizo de Conservación da Natureza, visitaron o Paseo do Maceiras logo de que a Agrupación de Electores solicitara que se paralizaran as obras de acondicionamento nese sendeiro por incumprir as condicións da autorización concedida polo organismo da Consellería. Un permiso que establecía que “os traballos non se poderán executar entre abril e xuño, ambos incluídos, durante o período de reprodución e cría da fauna da foresta”.
Explica o edil de Medio Ambiente que, para evitar calquera irregularidade, decidiu visitar o lugar o pasado martes acompañado de técnicos da Xunta, tanto de Augas de Galicia como do Servizo de Conservación da natureza, quen deron o visto bo a que se continuara cos traballos “xa que a normativa que prohibe actuar nos meses de abril e maio fai referencia á canle do río e tanto os muros como o desbroce xa se realizaran no mes de decembro”. Engade o edil que actualmente só se está a traballar no paseo en si “agora a actuación consiste en botar xabre e compactalo. Ao non acometerse traballo no propio río os técnicos non ven impedimento en que sigamos coa obra”.
Uns traballos que deberían ter rematado a día 31 de marzo pero que se demoraron debido ás fortes precipitacións deste inverno. A empresa responsable solicitou unha prórroga de dous meses que lle foi concedida. No Concello confían en que a obra que completa o sendeiro dende o Paseo do Salgueiral ata a ponte de Lemos en Cedeira estea completamente rematada a 31 de maio.