A carpa instalada no Campo da Feita abre as súas portas ás 20:00 horas de hoxe nunha xornada na que xa se poderán degustar os chocos preparados de xeito tradicional, en empanada, na súa tinta ou con arroz, así como as propostas máis innovadoras: pizza de choco con patacas fritidas, faixiñas de chocos ou fideuá de chocos con ameixas. Dende o Concello extreman as medidas de seguridade para garantir o bo desenvolvemento da cita gastronómica na propia carpa e tamén nas atraccións de feira que onte eran revisadas por enxeñeiros especializados.
O Concello de Redondela contratou novamente este ano so servizo de control de inspección das instalacións e funcionamento das atraccións de feira co obxectivo de aumentar as garantías de seguridade de todos os usuarios. Onte un equipo de especialistas iniciou a supervisión da documentación preceptiva das atraccións da Festa do Choco deste próximo fin de semana, tales como seguros de responsabilidade civil e acreditacións técnicas.
O obxectivo é minimizar o risco para asegurar que nestes tres días só se fale da festa que arranca esta mesma tarde e que contará con actuación de música e baile e verbena amenizada polo Trío Musical 3.com.
Sábado e domingo a apertura da carpa terá lugar ás 10:30 horas e a degustación poderá realizarse en horario continuo ata o peche. O sábado a unha da madrugada logo das actuación do trío musical Merchy Treviño e Etiqueta Negra e o domingo as dez da noite con actuación previa do trío Pentágono.
Dúas xornadas con actividades en paralelo que inclúen obradoiros de cociña infantil, demostración de cociña a cargo do restaurante Gastrobar e pregón, o domingo ás 12:30 horas a cargo do monologuista Javier Varela.
Outra das propostas para a fin de semana pasa polas visitas a Illa de San Simón a un prezo simbólico de 3 euros por persoa con saída dende o museo Meirande (sábado e domingo ás 12:00 horas) e dende o Porto de Cesantes (venres, sábado e domingo ás 16:30 horas) con reserva previa na Oficina de Turismo de Redondela ou no teléfono 620 864 052.