Hoxe é Venres 29 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Superchoquiño” e a Ruta do choco, novidades nunha festa que volve esgotar existencias

RR_Noticias

A XXXII Festa do Choco repite éxito cunha celebración na que se esgotaron os 5.000 quilos de cefalópodo e se estima que foron máis de 30.000 as persoas que se achegaron a carpa instalada no Campo da Feira a degustar este produto. Unha festa que contou coa presenza do actor, Javier Varela, encargado do pregón e que supuxo a presentación oficial dunha nova mascota “superchoquiño” que nace para ser a imaxe dunha nova ruta de turismo industrial “a ruta do choco”.

Un ruta de Turismo Industrial “co fin de potenciar a calidade deste produto e de todo o patrimonio histórico e cultural que o acompaña” que non estará operativa ata o verán pero que era presentada nesta edición da Festa do Choco. Unha iniciativa creada polo Concello coa colaboración de Fundamar e a Asociación de Empresarios de Redondela e que quere ser unha variante de turismo cultural que aposta por ofrecer un produto de calidade para “uns turistas interesados en coñecer de primeira man os porqués das cousas, en descubrir fórmulas de produción ou de extracción; interesados en descubrir profesións descoñecidas para eles”. Servirá para mostrar a turistas e peregrinos en que consiste a especial relación de Redondela con ese cefalópodo, como se trata e como se prepara para poder degustalo. Para promocionar esta ruta empregaranse as ferramentas dixitais de comunicación, pero tamén se quixo encarnar nun personaxe que acompañará en todo o camiño: “superchoquiño” que xa durante estes días se puido ver tanto na carpa de degustación como nos locais de hostalaría de Redondela.
Unha festa que pechou novamente con éxito de público e un produto que se esgotou na carpa malia que se prepararon uns 5.000 kilos procedentes da lonxa encargada de garantir que todo o choco ofertado procedía da enseada.
 
Unha muller ferida
Unha festa que nos deixa tamén un desafortunado suceso cando unha muller resultaba ferida na cabeza ao caerlle en riba o teito de madeira dun posto de artesanía instalado na rúa Ribeira. O suceso tería sucedido a raíz dun golpe de vento que levantou os plásticos que cubrían as casetas para resgardalas da chuvias. Uns plásticos que arrastraron tamén o teito de madeiras desta caseta. Unha muller que atendía o posto nese momento foi a que levou a peor parte ao impactarlle na cabeza. Tivo que ser trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro onde foi atendida polas súas feridas.
A policía, que acudiu ao lugar, fixo un atestado dos feitos.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará