A redondelá Elena Casal participa mañá nunha charla sobre arbitraxe no CEIP Santo Paio de Abaixo. Árbitro de Primeira Nacional Feminina e Terceira Masculina, lamenta que tanto público como xogadores só teñan en conta os erros dos colexiados, e nunca os seus acertos, e defende o seu papel “como deportistas” dentro do mundo do fútbol.
Os alumnos de 5º e 6º de Primaria do colexio Santo Paio de Abaixo, en Reboreda, participarán mañá mércores nunha charla sobre arbitraxe impartida por Elena Casal, árbitro de Primeira División feminina e Terceira masculina, na que tamén estarán Ismael González, árbitro asistente de Segunda B e a árbitro benxamina Alicia Bastos, de 11 anos. Casal Fernández entende que este tipo de xornadas nos colexios son “moi positivas” xa que permiten que os nenos e nenas coñezan mellor o traballo dos árbitros. Lamenta que a maioría do público, e mesmo os xogadores e clubes, ignoren boa parte do seu labor. Os árbitros realizan duros adestramentos ao longo de todo o ano, e sométense a probas moi esixentes para estar “ao mellor nivel”. Nun partido un árbitro como Elena Casal corre uns 10 quilómetros de media, polo que defende o seu papel como “deportistas”. O certo é que os árbitros son os “grandes incomprendidos” dentro do fútbol, como acontece tamén noutros deportes. Lamenta que se fale deles “só cando cometen un erro, pero nunca cando acertan”. Confía en que, co tempo, se recoñeza tamén “o bo traballo arbitral”, igual que se recoñece aos bos futbolistas. Esta temporada foi moi especial para a colexiada redondelá, xa que foi o seu primeiro ano na máxima categoría do fútbol feminino. Unha expercia “moi positiva” para ela, xa que tivo ocasión de viaxar por toda España e arbitrar partidos ao máximo nivel como o Atlético Madrid-Valencia, ou o Madrid-Barcelona, coñecendo os estadios e cidades deportivas dos mellores clubes da liga. Xa rematou a competición nas categorías nas que arbitra, pero non o seu traballo. Xa está a preparar as probas físicas que os colexiados teñen que superar en agosto, e que se repiten en novembro e febreiro.